Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar

Encontro co presidente Feijoó

Publicamos o relato do encontro informal e improvisado que tivemos xente desta plataforma co presidente da Xunta de Galicia, Feijoó.

4 de febreiro de 2022.

Por distintas vías e fontes naturais, chegounos onte a noticia, ou notición, de que hoxe viña o Presidente da Xunta de Galicia visitar o cole e mais o centro de día no Xestal.
Como con todos os contos, pedíronnos prudencia e non contar nada da visita sorpresa. Mais a noticia chegaba por distintas vías por toda a comarca.

Chegamos ao cole do Xestal. A visita estaba prevista ás 10, así que a menos cuarto estabamos alí oito persoas. O presidente aínda non chegara, había policía e garda civil, e movemento de xente fóra do cole.
Segundo nos xuntamos fóra, na acera, veu un home que sacou a placa e identificouse como policía. Imaxinaba que viñamos reivindicar algo, pois acostuma ser así, dixo. Claro, normalmente no telexornal vemos este tipo de visitas oficiais, pero non se ven as protestas ou reivindicacións da veciñanza e que van unidas a estas visitas.

O policía, de paisano, quería saber o que tiñamos pensado facer, se iamos berrar ou cantar consignas. E dixo que non podiamos atravesar a verxa do cole. Dixémoslle que non iamos berrar, e que o que queriamos era falar co Presidente porque estabamos preocupados, moi preocupados. Díxonos que ben. Pedímoslle se por favor llo podía facer chegar.
Quedamos fóra da verxa coas pancartas desplegadas e ben á vista, para que nos visen. Nenos e nenas do cole saudábannos dende a xanela de arriba. Algún levantaba o puño, outras os brazos, animando.

Dixéronnos que os letreiros de fóra do cole viñeran cambialos por uns novos o día anterior. Polo menos, houbo esa mellora no cole grazas á visita.

Unha mestra do cole saíu saudarnos. Levaba un #VenresNegro na camisa, en solidaridade coa xente que traballa na CRTVG para defender os medios públicos galegos da manipulación informativa e o desmantelamento que están sufrindo.

Seica no cole, segundo nos contan mestras, polo Samaín trataron o tema do medo, e nenos e nenas fixeron un mural sobre os eólicos, que decidiron deixar na parede, e aínda está. Non sabemos se o Presidente o veu.

A porta, ao lado esquerdo da imaxe, sería hoxe, coas nenas e nenos de manifestación e en protesta, coas pancartas de #AldeasLibresdeMacroeólicos, porque non queremos macroeóliocos nas aldeas. O panel do lado, á dereita, sería dentro duns 30 anos, coas palas dos aeroxeradores xa no chan e as casas destrozadas.

Chegaron os coches oficiais, e nun deles viña o presidente Feijoó. Recebemento ao Presidente fóra do cole. Viña un cámara seguíndoo e gravándoo. Nós caladiños todos, tras a verxa, coas pancartas, as camisetas de Monfero di Non e doutras plataformas por riba das cazadoras ou polares, e un muíño de vento dos de xoguete, feito cun pau e cartulinas de cores. Ao Presidente só puidemos verlle as costas, non nos mirou, e entraron logo no cole.

Agardamos como unha hora. Cando saiu, berramos Presidente, por favor, pode falar con nós un minuto?!
Respondeu dende lonxe preguntando cal era a promotora do noso parque, e achegándose dixo que non gravásemos nada, que se gravabamos non falaba.
Expuxémoslle a nosa preocupación ante os macroeólicos. Preguntou que quen tramitaba estes parques, respondímoslle que o Ministerio. Dixo que iso era cousa do Ministerio, que agora o Ministerio tramitaba parques ao marxe das autonomías.
Dixémoslle que el como Presidente de todos os galegos e galegas, tiña o deber de defendernos ante o MITECO.
Dixo que eles na Xunta tiñan un Plan Sectorial Eólico e era nas Áreas de Desenvolvemento Eólico onde ían deixar facer, non fóra das áreas. Preguntámoslle que acontecía cos proxectos fóra desas áreas consideraros proxectos tractores do territorio, que é así como a Xunta xustifica a posibilidade de facer polígonos eólicos fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico.

Comentámoslle a preocupación que temos nas aldeas de Galiza, e aquí en concreto, ante a avalancha de macroeólicos ao pé das casas, ao que respondeu que tiñan que estar a 500 m. No caso dos eólicos promovidos por EDP en Monfero, miden 248 m.
Claro, pero as leis e o plan feito está obsoleto, foi feito para eólicos de 50 ou 70 m, non de 248 m., dixémoslle.
Non respondeu mais nada que que eles verían o que se ía facer.
Alguén de nós confirmoulle que el dende a súa casa na Coruña ía ver os eólicos de Monfero.
Na miña, non…!, di.
Bueno, na da túa muller!
Iso xa é outra cousa! hahaha

Dixémoslle que isto estaba pasando en toda a Galicia rural, que estaban sacrificando os territorios en prol dos macroeólicos e as promotoras.
Que me ides dicir a min!, respodeunos. Dixo que non podiamos falarlle de sacrificio de territorios, que de onde era el fixeran 3 embalses.
Ponte no noso sitio, dixémoslle. O que está pasando nas aldeas é que a xente desperta un día e atópase cunha publicación no BOE onde di que a súa casa, as súas terras, o futuro, queda dentro dun polígono de macroeólicos. Iso, se tes a sorte de sabelo a tempo.
Galicia somos nós. Galicia tamén somos nós, dixemos.
Claro, todos os galegos son Galicia,
dixo.
Fuches un neno da aldea, coma nós!
E aínda o son,
respondeu o Presidente.

Falámoslle da preocupación pola vinculación dos macroeólicos de EDP coa planta de hidróxeno de As Pontes e Reganosa. Que non se podían sacrificar as comarcas do redor e mais o Parque Natural pola industria de As Pontes, xa que aquí a xente temos diferentes profesións e queremos seguir vivindo e traballando en Monfero ou onde sexa, non todos queremos ir traballar á fábrica de neumáticos das Pontes.
Curioso, porque na visita ao cole, o Presidente resaltou a igualdade de oportunidades para as nenas e nenos das aldeas. Que futuro se lles está ofrecendo á xentiña máis pequena? e que futuro se nos está ofrecendo a nós, á xente que vive no rural galego?
Recordámoslle que a Xunta xa emitiu un informe desfavorable sobre os proxectos eólicos de aquí. Sorprendeuse, non sabía… daquela! se xa emitimos informe…!
Mais o informe non é vinculante. É so un informe.

Díxonos que cando el chegou á Xunta, podíanse facer eólicos nos Parque Naturais. Nos Parques Naturais! exclamou, indignado. E, por certo, nós acabamos de aprobar o Plan Reitor do Xurés, avanzounos.
Daquela dixémoslle que eiquí levabamos esperando por un Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural Fragas do Eume case 30 anos, e o mesmo pola ampliación. E que froito dese abandono, agora as Fragas estaban rodeadas e integradas en distintos parques macroeólicos, ligados ao hidróxeno verde en As Pontes. E que pola reindustrialización en As Pontes íanse sacrificar as Fragas do Eume.

No medio da conversa, houbo un momento no que o Presidente dixo que el así non, que estaba vendo ideoloxía e política. Nós tampouco soubemos ben o porqué, e respondeu que lle estaba soando ao que escoitaba no Parlamento, e que el estaba con nós para falar cun grupo de veciños, fóra política ou ideoloxía. Tratamos de reconducir a conversa, mais el tiña que marchar pois tiña moito traballo, así que convidounos a darlle unha carta para ler despois. Como carta non levabamos, dixémoslle que lle enviariamos algo a el e mais ás institucións pertinentes.

Como conclusión, dixo o Presidente que a xente de As Pontes non podía perder eses traballos.
E nós tampouco queremos perder os nosos. Eliximos ficar. Vivimos e traballamos aquí, nas aldeas, e queremos seguir facéndoo. Non queremos marchar para As Pontes, e respetamos a quen queira, pero nós eliximos outra opción.

Ao final, o Presidente mira para a chaqueta de unha de nós, unha chaqueta de Navantia co logo reflectante, guapa guapa (viña mirándolle en varios momentos para a chaqueta) e sinalándoo dille, Aí!, aí, estades facendo eólios!
E?, respodemos. Unha cousa non quita a outra. Nós non estamos en contra nin de Navantia nin dos eólicos en si mesmos, estamos en contra do modelo que se está a implementar, favorecendo o espolio e a especulación por parte do oligopolio eléctrico.
E así, máis ou menos, finalizou o noso primeiro encontro con Feijoó. El marchou, e nós aínda quedamos un pouco fóra do cole, conversando.
Unha mestra saíu saudarnos cunha camiseta da plataforma Monfero di Non, coa que tamén recibira a Feijoó. Comentounos que lle expresou a súa preocupación polo futuro da escola debido aos macroeólicos. E si, coa camiseta posta!
Monfero di Non!

Anuncio publicitario

2 comentarios sobre “Encontro co presidente Feijoó

  1. Estupenda reportaxe!
    Recén publicado o plan para o cambio climático da Xunta, deberiamos destacar a importancia do bosque de fraga do Parque Natural para o clima non só da nosa contorna senon tamén para Europa.
    O desenvolvemento industrial non debería facerse a forza de destruir ou reducir áreas clave para frear a desertización. Unha vez se destrúa xa non haberá marcha atrás.
    Empreguemos a nosa intelixencia para invertir en futuro, tal e como fixeron as xentes intelixentes que conseguiron establecer a protección sobre o bosque, debémosllo a el@s a @s que veñen atrás nosa. Non podemos deixarlle en herdanza un deserto.
    Grazas pola vosa forza e o bo facer.

    Me gusta

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: